Dereito á segunda opinión médica

interrog-logoExercicio do dereito á segunda opinión médica

O DECRETO 54/2015, do 12 de marzo, regula este dereito.
1. A emisión dunha segunda opinión médica poderá solicitarse cando o/a paciente dispoña dun primeiro diagnóstico completo e/ou proposta terapéutica emitido por un/unha profesional médico/a do Sistema público de saúde de Galicia, en relación cos seguintes procesos:
  • Enfermidades neoplásicas malignas.
  • Enfermidades neurolóxicas inflamatorias e dexenerativas invalidantes.
  • Confirmación de diagnósticos de enfermidade rara.

2. No caso de tratarse dunha recidiva tumoral maligna ou dunha proposta de tratamentos de nova aparición, poderá solicitarse novamente unha segunda opinión médica.

facultativo/a responsable dun diagnóstico ou proposta terapéutica proporcionará (a requirimento do/a paciente, ou de quen o/a represente) a información acerca do procedemento para garantir a garantía do dereito a unha segunda opinión médica, e deixará constancia na historia clínica do diagnóstico ou proposta terapéutica.
Os servizos de admisión dos hospitais informarán os/as pacientes, ou a quen representen, dos requisitos e condicións para o exercicio do dereito á obtención dunha segunda opinión médica.
Todos os centros sanitarios do Servizo Galego de Saúde porán á disposición dos usuarios información clara, veraz, accesible e transparente sobre a garantía do dereito ao exercicio da segunda opinión médica.

Na páxina web do Servizo Galego de Saúde publicarase un catálogo en liña, ao que tamén se poderá acceder dende a sede electrónica da Xunta de Galicia, no que se identificarán as patoloxías respecto das cales se poderá exercer o dereito á segunda opinión médica.

Solicitude

A solicitude de segunda opinión médica realizarase por escrito segundo o seguinte modelo (pincha aquí para obter o modelo) e dirixirase á xerencia da estrutura organizativa de xestión integrada da cal forme parte o centro hospitalario de referencia do/a paciente.

Documentación a acompañar

A solicitude de segunda opinión irá acompañada da seguinte documentación (se se fai por internet, haberá que escaneala):

a) Fotocopia do documento nacional de identidade (DNI) ou documento substitutivo do/da solicitante, no caso de que este/a non prestase o consentimento para a comprobación dos seus datos persoais.

b) Se é o caso, documentación acreditativa da concorrencia das seguintes circunstancias:
1º. Se o/a solicitante é un familiar, achegará certificado médico acreditativo da imposibilidade do/a paciente para formular por si mesmo/a a solicitude, e copia compulsada do DNI do/a paciente e do/a solicitante.
2º. Se o/a solicitante é parella ou persoa vinculada de feito, achegará certificado médico acreditativo da imposibilidade do/a paciente para formular por si mesmo/a a solicitude, declaración xurada ou documento oficial que acredite a súa vinculación ou relación de parella, e copia compulsada do DNI do/a paciente e do/a solicitante.
3º. Cando o paciente estea incapacitado legalmente, o solicitante será o representante legal e se xuntará copia compulsada da sentenza de incapacitación.

c) Informe médico que certifique o diagnóstico e/ou proposta terapéutica, no caso de non existir informe clínico do diagnóstico e/ou proposta terapéutica na propia historia clínica electrónica.

d) Calquera outro documento que se considere relevante para o caso.

Presentación da solicitude

1. As solicitudes de segunda opinión médica poderán presentarse por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es e precisarase o DNI electrónico o similar.

2. Tamén poderán presentarse as solicitudes en soporte papel no servizo de admisión do hospital de referencia do/a paciente.

Prazo para autorizar a segunda opinión

A persoa titular da xerencia da estrutura organizativa de xestión integrada, ten un prazo de 10 días hábiles contados desde a data de recepción da solicitude no rexistro para autorizar ou denegar a segunda opinión e a notificará ao solicitante a través do medio que indicase na solicitude.

Transcorrido o prazo de 10 días hábiles sen que se emitise resolución, entenderase que a segunda opinión está autorizada e a data de autorización será a do día no que venza ese prazo de 10 días.

Elección do facultativo responsable de emitir a segunda opinión

O solicitante da segunda opinión, poderá propoñer un facultativ@ especialista do Sistema público de saúde de Galicia.

No caso de que na solicitude non se propoña ningún facultativ@ concret@, será designado pola xerencia da EOXI de que forma parte o centro hospitalario de referencia d@ paciente, atendendo a criterios de especialidade e dispoñibilidade.

Pode ocurrir que o facultativo proposto non este dispoñible para poder emitir a segunda opinión ou non ten a competencia necesaria para poder emitir a segunda opinión médica, esta circunstancia será comunicada á persoa interesada e se lle proporá un novo profesional. No prazo de 3 días hábiles, o paciente ou quen o represente deberá indicar unha das seguintes opcións:

  • Aceptar a proposta realizada pola xerencia da EOXI
  • Indicar o seu desexo de esperar ata que o/a facultativo/a da súa elección estea dispoñible
  • Propoñer outro/a profesional
O prazo para emitir a resolución suspenderase durante o período de contestación da persoa interesada.
Se a persoa interesada non contesta no prazo de tres días, entenderase conforme coa designación do/a profesional proposto/a pola xerencia de xestión integrada.
Así mesmo, se o/a paciente, ou quen o/a represente, manifesta a súa vontade de esperar ata que o/a facultativo/a da súa elección estea dispoñible, o prazo de emisión do informe quedará en suspenso ata ese momento, circunstancia que se comunicará a persoa interesada.

No caso da última opción, no suposto de que o novo profesional proposto non estea dispoñible ou non reúna a competencia profesional adecuada, designarase ao proposto pola xerencia de xestión integrada.

Prazo para emitir a segunda opinión

Se a xerencia autoriza a segunda opinión, o médico elixido deberá realizala no prazo de 15 días hábiles, contados desde o día seguinte ao da emisión da autorización.

Compromiso d@ paciente

  • A presentar a solicitude e a documentación complementaria acreditativa segundo o estipulado no Decreto 54/2015, do 12 de marzo, polo que se regulan o procedemento e os efectos da garantía do dereito á segunda opinión médica no Sistema público de saúde de Galicia.Se a solicitude non cumpre algunha das condicións necesarias, o solicitante será informado para que proceda a emendala no prazo de 10 días. Mentres non se reciba a documentación requirida, permanecerá en suspenso o prazo para resolver sobre a autorización da segunda opinión, que se volverá computar, segundo os casos, a partir do momento en que se reciba a documentación solicitada en calquera dos rexistros do Servizo Galego de Saúde.
  • A non impedir e/ou dificultar a realización de calquera trámite, consulta ou proba, necesarios para a emisión do informe de segunda opinión médica.
  • A asistir ás consultas ou probas que se lle puideran programar no marco do procedemento para poder emitir o informe de segunda opinión médica.
  • Unha vez emitida a segunda opinión médica, deberá elixir entre as distintas alternativas diagnósticas ou terapéuticas.

Debe saber que:

  • Unha segunda opinión médica non é un cambio de especialista que se xestiona desde o seu centro de saúde.
  • Non é unha derivación fóra da Comunidade Autónoma, que só pode propoñer o médico especialista responsable do seguimento do proceso cando o considera necesario.
  • Non inclúe certificados médicos a compañías aseguradoras, mutuas de accidentes de traballo e/ou enfermidades profesionais da Seguridade Social.
  • O dereito á segunda opinión médica só se poderá exercer unha vez en cada proceso asistencial, entendido este como un diagnóstico completo e/ou proposta terapéutica, excepto no caso dunha recidiva tumoral maligna ou dunha proposta de tratamentos de nova aparición, nos que poderá solicitarse novamente unha segunda opinión.
  • A segunda opinión realízase cos informes e probas xa dispoñibles do/a paciente. Pode ser que, excepcionalmente, o facultativo experto indique algunha nova proba ou exploración ao/a paciente coa finalidade de emitir a súa opinión, que será realizada na oxi orixe do paciente.
  • O informe de segunda opinión será emitido, sempre que sexa posible, polos centros públicos do Sistema de Saúde de Galicia. Excepcionalmente, poderase solicitar que a segunda opinión médica sexa emitida nun centro público doutra comunidade autónoma, se o primeiro diagnóstico ou proposta terapéutica fose emitido no único servizo do Sistema público de saúde de Galicia con dispoñibilidade e competencias na patoloxía correspondente.
  • O modelo de solicitude recolle expresamente que o exercicio do dereito implicará que, os profesionais do Sistema público de saúde de Galicia implicados no proceso de xestión e emisión da segunda opinión médica, poderán acceder aos datos relacionados coas súas propias funcións, contidos na historia clínica do/a paciente, de conformidade co previsto na normativa reguladora da protección de datos de carácter persoal e de acceso á historia clínica dos/as pacientes.

Onde pode obter máis información?

Normativa

  • DECRETO 54/2015, do 12 de marzo, polo que se regulan o procedemento e os efectos da garantía do dereito á segunda opinión médica no Sistema público de saúde de Galicia (DOG nº 72, do 17 de abril de 2015)
  • LEI 12/2013, do 9 de decembro, de garantías de prestacións sanitarias.