Para qué unha Asociación de pacientes e usuarios do CHUS

creacion asociacionINICIATIVA PARA A CREACIÓN DUNHA ASOCIACIÓN DE PACIENTES E USUARIOS DA ÁREA SANITARIA DO COMPLEXO HOSPITALARIO DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO (CHUS).
Un grupo de pacientes da área sanitaria do CHUS, despois dunha reflexión simple, pero moi meditada, sobre a situación que vivimos como usuarios da sanidade pública, decidimos levar a cabo a iniciativa de constituír unha Asociación tras consultar a opinión doutras asociacións xa constituídas e con longa experiencia (Asociación SARELA, COGAMI, Asociación de Usuarios dos Servizos Oncolóxicos do CHUS, Asociación Galega de Fibromialxia, Asociación de Escleroses Múltiple de Santiago de Compostela). Hoxe, chegou o momento de poñer negro sobre branco, os motivos que nos levan dar este paso e a compartilos con todos aqueles que sintan con nos a mesma urxencia e necesidade.
I. Os nosos motivos nacen da experiencia dos últimos anos como pacientes de diversas doenzas e polo tanto son a expresión dunha vivencia persoal o colectiva:
a) Desde o inicio da crise soportamos pasivamente o deterioro dos servizos sanitarios públicos como consecuencia da alarmante carencia de medios humanos e materiais produto das políticas públicas de recorte do gasto (redución da plantilla de persoal e do número anual de camas dispoñibles, saturación dos servizos de urxencia, obsolescencia e falla de renovación do equipamento, deterioro dos servizos de limpeza e desinfección de edificios e instalacións, existencia de listas de espera camufladas, altas hospitalarias prematuras e asistencia precaria en domicilio, derivación de enfermos á privada).
b) Padecemos a nosa expulsión silenciosa pero brutal do sistema público de saúde a través de medidas e disposicións legais manifestamente ilexítimas, como o copagamento de medicamentos, ortoprótesis, e ambulancias ou aquelas que deixan sen cobertura a inmigrantes residentes no territorio do estado ou a nacionais que permanezan no exterior máis de 2 meses.
c) Sen intervención ningunha das autoridades sanitarias, sufrimos, con grave risco para nosa saúde, o desabastecemento nas farmacias de medicamentos esenciais para múltiples enfermidades crónicas (nalgún caso sen alternativa farmacolóxica), ou simplemente négasenos o tratamento polo seu elevado custo.
II. Ante esta situación a nosa iniciativa ten obxectivos moi simples pero moi claros:
a) Poñer fin ao silencio dos pacientes e usuarios da área sanitaria do CHUS, comezando por desempeñar o papel de axentes activos que a lexislación nos recoñece como destinatarios dos servizos sanitarios, e defender os nosos dereitos como pacientes ante a degradación da calidade do sistema público de saúde e a pretensión de lexitimar a súa privatización.
b) Agrupar arredor dunha iniciativa asociativa de defensa de dereitos ao conxunto de pacientes e usuarios tanto a nivel individual como colectivo, sen menoscabo da coexistencia doutras asociacións e colectivos dos que poidamos formar parte.
c) Colaborar estreitamente cos profesionais sanitarios, porque son os garantes e a columna vertebral da sanidade pública.
Estes son os nosos motivos e esta é a nosa iniciativa. Sabemos que a tarefa non é doada, pero nada temos que perder e si moito que gañar, pois o que está en xogo non é só a nosa saúde, senón a das xeracións futuras. Non queremos ser unha asociación máis. Pretendemos sumar esforzos sobre un consenso básico: a defensa dos nosos dereitos como pacientes e usuarios da sanidade pública. Con este motivo, CONVIDÁMOSTE a participar a título individual ou como representante dun colectivo xa existente a reunión que terá lugar o próximo día 31 de outubro as 20:00 no seminario 6 do Aulario Novoa Santos (contiguo ao CHUS) para continuar co proceso de constitución e decidir a folla de ruta.
Pacientes e usuarios que avalan a iniciativa:
Fernando Abraldes Rois, Virgilio Vicente Barrado, Antonio Bernal López, Gloria Chousa Núñez, María do Carmen Freire Bouzada, Xan García Muras, Mercedes López Fernández, Xaime López García, Maria José López Pombo, Monserrat Recalde Fernández….